CRTVG

Buscar

Entran en vigor as medidas restritivas nas comunidades autónomas

Publicado o 18/08/2020 14:37

A día de hoxe, en España hai 1.019 gromos activos de coronavirus. Para facer fronte á covid-19, comunidades autónomas como Cataluña, Navarra ou as Baleares poñen hoxe en marcha as novas medidas de restrición.

Tras varios días notificando un milleiro de contaxios, Cataluña rexistra un descenso de casos. O último balance da Generalitat fala de 544 positivos. 

Nesta comunidade entran hoxe en vigor as novas restricións e as medidas de contención fronte á covid-19. Por exemplo, a prohibición de fumar no exterior, incluído nas terrazas, se non se pode garantir a distancia mínima de seguridade de dous metros.

O decreto do Goberno catalán tamén inclúe limitacións das reunións a un máximo de dez persoas e os horarios de locais de ocio e restauración. Deben pechar á unha da mañá. A Federación Catalá de Locais de Ocio Nocturno xa anunciou que recorrerá contra esta orde do Ministerio de Sanidade.

Estas mesmas medidas de restrición entran hoxe en vigor na Comunidade Valenciana, Estremadura e tamén en Navarra.

O Goberno de Castela-A Mancha anunciou máis medidas para setembro.

En Murcia, con 86 novos positivos, os empregados de residencias de maiores ou persoas con discapacidade e centros de menores que se incorporen ao traballo tras as vacacións ou permisos están obrigados desde hoxe a facer unha proba PCR polo menos 72 horas antes de entrar. O Comité de Seguimento tamén decidiu limitar a un 50% o ocupación dos vehículos para persoas non conviventes.

O presidente rexional confirmou que xa se localizaron os douscentos asistentes á voda que se celebrou o sábado e en que deu positivo o noivo. O home traballa no centro de menores de Alguazas, onde se produciu un gromo con 25 positivos.

Na comunidade de Madrid, segunda xornada de cribado masivo e voluntario, hoxe no distrito de Usera. Onte en Carabanchel acudiron facer as probas PCR menos da metade das mil persoas que estaban convocadas.

 

Noticias web

18/08/2020