CRTVG

Buscar

Enrique Mallón: "O naval ten que unirse para captar os fondos covid da UE"

Publicado o 06/11/2020 10:45

Os estaleiros buscan saídas á crise, e a unión de forzas é unha das opcións que se barallan no sector en Galicia, especificamente na área viguesa, para captar os fondos que a Unión Europea destinará a facerlle fronte á crise derivada da pandemia.

É un momento complicado, e así o reflicten as cifras: no primeiro semestre deste ano a facturación sufriu un descenso do 22 por cento respecto do mesmo período do ano anterior, e houbo unha caída do emprego do 16 por cento.

O secretario xeral da patronal Asime, Enrique Mallón, explica que "nós cremos que hai que cooperar, unirse en todas as actividades do sector metal e no naval tamén, obviamente, para tentar captar eses fondos que nos van axudar a paliar as consecuencias da covid, que vai para longo". Xunto a esa idea de cooperación, apunta tamén á necesidade de "aproveitar espazos portuarios", e refírese especificamente ás instalacións de factoría Vulcano: "Hai que cooperar tamén para tentar revitalizar esas instalacións, necesarias para ter capacidade produtiva no naval galego".

Mallón admite que o informe semestral do sector reflicte "números moi malos, sen dúbida ningunha, pero non se pode esquecer que o primeiro semestre foi o de maior impacto da covid-19 na industria, así que imos agardar que sexan mellores números ao finalizar 2020". Con todo, "vai ser un ano moi duro e toda a cooperación que se estableza, as alianzas, e sobre todo organizarnos ben para captar eses fondos será positivo".

Nese sentido, o secretario xeral de Asime ten boas expectativas no congreso Automov que se vai celebrar en Vigo o vindeiro 17 de novembro, onde o sector "tentará amosar as capacidades de Galicia e de toda España a nivel mundial aos grandes compradores, para mellorar a nosa posición estratéxica no mercado da automoción e da mobilidade, que é unha das liñas polas que vai apostar a Comisión Europea". Así explica que no congreso estarán grandes líderes mundiais do sector. "Vai estar aquí o director xeral de Mercedes Benz, os grandes líderes mundiais de innovación e de loxística nesta industria estratéxica, e iso servirá para dar unha mensaxe de ánimo, que non todo sexa negativo e para empezar a ver esas fiestras de oportunidade que hai e que nolas está amosando a Unión Europea".

A captación deses fondos é un dos grandes retos para o sector, segundo Mallón. Outro reto actual sitúao "en Barreras, en tentar que se lles paguen os 20 millóns de euros que lle adebedan á industria auxiliar; confiamos en que o proxecto dos novos propietarios saia adiante, pero as empresas auxiliares necesitan imperiosamente cobrar ou que se lles garantice a débeda". Engade que "apostamos polo proxecto pero as empresas necesitan cobrar para poder manterse".

Noticias web

06/11/2020