CRTVG

Buscar

Endurécense as medidas en Xinzo pola alarmante situación epidemiolóxica

Publicado o 20/01/2021 14:57

Os casos en Xinzo non paran de medrar desde o Nadal. Xa soben dos 220. 

"Eu fun facer o cribado o sábado pasado. Estabamos citados catro mil persoas e só fomos dúas mil e algo", di un veciño.

Moitos bares xa están pechados e o resto farano a partir de mañá. Alberto Rúa Bolaño, Presidente da asociación de Hostaleiros de Xinzo: "Antes viámolo lonxe, pero agora vemos o veciño, o compañeiro de gremio, que están infectados e vas tendo máis medo. Esperemos que isto vaia baixando e que o peche sirva de algo".

Suspéndense toda a actividade non esencial, recintos deportivos e culturais, e o pequeno comercio tamén adianta o peche, seguindo a recomendación municipal.

Conchi Conde, presidenta da asociación de comerciantes Prolimia: "Din que un 80 % do pequeno comercio pechou ás seis da tarde. Se funciona, se salvamos algún caso, xa é un triunfo".

Axentes da Garda Civil e da Policía Local e Autonómica vixían os accesos, perimetrados e tamén as rúas. As xuntanzas de non conviventes están prohibidas, dentro e fóra da casa.

Amador Díaz, alcalde en funcións: "A ninguén lle gusta que pechen os negocios, a hostalería... Xinzo funciona como motor da comarca. Unha situación complicada, pero esperemos que empece a descender, que é o importante".

Desde o concello estudan axudas para paliar o impacto económico.

Noticias web

20/01/2021