CRTVG

Buscar

Encontran en Padrón 45 billetes falsos de 20 euros

Publicado o 24/01/2020 14:07

Con moita présa na caixa ou en lugares onde non comproban a autenticidade dos billetes, estes papeis que simulan os de 20 euros poderían entrar perfectamente cos de curso legal.

Son 45 billetes que un veciño de Pazos, preto de Padrón, encontrou onte á mañá ao pouco de saír da casa. Estaban na beirarrúa da estrada e entregounos na Policía Local. Preguntamos sobre que razóns tería quen os tirou.

Jesús Rey, xefe eventual da Policía Local de Padrón: "Unha pode ser que quen os tiña vise que son malos e non pasarían de xeito doado ou que levase algún vehículo que alertase de controis ou que vira un control da Garda Civil ou da policía e, ao verse atrapado nesa situación tirara a bolsa cos billetes pola ventá".

Este mediodía os billetes estaban en poder da Policía Local que ten previsto entregarllos ao xuíz para realizar as pescudas oportunas. Se alguén conseguira pasalos por legais disporía de 900 euros que lle permitirían facer compras, xeralmente de contía pequena, e obter cambio de curso legal. Vistos ao lado dos auténticos, a diferenza é apreciable pola ausencia de elementos de seguridade sobre o papel.

O xefe da Policía Local de Padrón explica que "habería que fixarse moito no billete onde pon 'copy', pero outro si, ata o tacto e o son... Non teñen marcas de auga, pero nun comercio que teña apuro por cobrar e que non os pase polo detector, darían o pego perfectamente".

O xefe da Policía Local de Padrón lembra que recentemente un tendeiro da Escravitude impediu que un individuo lle pagase cun billete falso, precisamente, de 20 euros. Porque os de maior contía non adoitan falsificalos, xa que quen os recibe como pagamento adoita facer as comprobacións de seguridade.

 

Noticias web

24/01/2020