CRTVG

Buscar

En xuño chegaron a España un 97,7% de turistas menos ca no mesmo mes de 2019

Publicado o 03/08/2020 10:29
En xuño chegaron a España un 97,7% de turistas menos ca no mesmo mes de 2019

A entrada de turistas estranxeiros en España descendeu un 97,7 % en xuño, en comparación co mesmo mes de 2019, ata un total de 204.926, e visitaron principalmente Cataluña (o 37,4 % do conxunto), seguida pola Comunidade Valenciana (15,4 %), as Baleares (13,8 %), Madrid (10 %) e Andalucía (6,9 %), segundo os datos difundidos este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Neste período, o gasto baixou un 98,6 %, ata 133 millóns de euros, engade o INE.

En xuño do ano pasado fixeron turismo en España 8,83 millóns de estranxeiros, que desembolsaron 9.696 millóns.

Tras a fin do estado de alarma, a veciña Francia foi o principal país emisor en xuño, con 64.895 turistas, o 31,7 % do total, aínda que a cifra supón un descenso do 93,2 % respecto a xuño do ano pasado.

Alemaña foi o segundo país emisor, co 16,5 % do total, seguido por Holanda (6 %), Italia (5,1 %) e Reino Unido (4,1 %).

O gasto medio por turista en xuño foi de 651 euros, un 40,6 % menos en taxa interanual, mentres que o gasto medio diario baixou un 30,4 %, ata 114 euros.

Entre xaneiro e xuño, a chegada de turistas internacionais diminuíu un 71,7 % % en taxa interanual, ata case 10,8 millóns de persoas.

Nese mesmo primeiro semestre, o gasto acumulado polos visitantes foráneos caeu un 70,6 %, en comparación co mesmo período de 2019, ata 11.840 millóns de euros (40.380 millóns entre xaneiro e xuño de 2019).