En Vilaza quéixanse dos cheiros dunha granxa
Os veciños de Vilaza din que xa non poden máis. As pancartas en boa parte das casas da aldea dan conta da situación que están a vivir dende que hai dous meses comezou a funcionar esta granxa de terneiros.
Din que non se opoñen ao seu funcionamento, pero que precisan que se regule dalgún xeito para que a súa actividade non afecte a vida diaria dos veciños.
A granxa ten licenza de actividade para uso agrogandeiro dende o ano 1972. Pechou algún tempo e volveu abrir hai algo máis de dous meses para a cría de tenreiros. Din que aí foi cando comezaron os problemas.
Os veciños, fartos da situación, preparan unha demanda que presentarán no xulgado nas vindeiras semanas.
Dende o Concello de Monterrei apuntan que a granxa, agora alugada, ten todas as licenzas en regra, que comunicou o cambio de actividade e que cumpre coas normativas de urbanismo e medio ambiente.
Técnicos municipais visitaron as instalacións, os seus informes aseguran que están dentro dos parámetros en canto a cheiros e ruídos, e que memtres non haxa unha ampliación da nave poden seguir traballando.
Con todo, dende o Concello apuntan que seguirán vixiantes en canto ao cumprimento das normativas vixentes.