CRTVG

Buscar

En vigor os novos peches perimetrais: colapsos nas saídas das cidades

Publicado o 30/10/2020 22:01

Imos ata a saída unha desas 23 vilas que están pechadas desde esta tarde. 

A Policía Local de Ames instalou un control para vixiar as entradas e saídas deste concello, que está pechado perimetralmente canda Santiago e Teo, de xeito que os veciños só poden moverse dentro destes tres municipios. Para saír ou entrar dende fóra deste perímetro teñen que demostrarlles aos axentes que hai unha causa xustificada. As forzas de seguridade instalaron múltiples controis coma este pola rede viaria galega para vixilar os accesos dos 23 concellos onde se limitou a mobilidade. 

Avenida de Madrid, Vigo, pouco despois das 3 da tarde. A fin da xornada laboral coincidía coa entrada en vigor do peche perimetral da cidade. Resultado: ringleiras quilométricas de vehículos para acreditar, vía DNI, que se retornaba ao domicilio... ou para mostrar un xustificante laboral a modo de salvoconduto. 

Estampa moi parecida á da Avenida Alfonso Molina, na Coruña, dirección saída. Un dispositivo mixto de Garda Civil e Policía Nacional, co apoio de axentes municipais, filtraba a marea de vehículos para evitar as fugas inxustificadas. Con menos atascos, pero a mesma vixilancia, se vivía esta particular operación antisaída nos accesos de Santiago, Lugo ou Ferrol.

 

 

 

Noticias web

30/10/2020