CRTVG

Buscar

680 persoas de residencias recibiron a segunda dose da vacina contra a covid-19 en Ourense

Publicado o 23/01/2021 15:08

Once equipos de vacinación da área santiaria de Ourense comezaban dende primeiras horas da mañá a achegarse a varias residencias da provincia para completar a inmunización mediante a segunda dose da formulación de Pfizer. A da Pobra de Trives foi unha delas. Entre traballadores e residentes atopábase Josefa, unha das veteranas do lugar cos seus cen anos.

Os equipos de vacinación, indicaban que os usuarios e especialmente os traballadores recibían con alivio esta segunda dose, que completa a súa inmunización contra a covid-19.

Genma Rodríguez, enfermeira: "Ilusionados, con gañas de ver os seus familiares, de dar apertas, de volver a esa normalidade e de rematar con estas medidas tan estritas que non permiten ese contacto cercano cos seus achegados" declara a enfermeira Genma Rodríguez.

Hoxe estaba prevista a aplicación da segunda dose a 680 persoas, entre usuarios e residentes, aínda que iso non supón relaxar as medidas sanitarias nos xeriátricos, xa que a inmunidade da vacina non é do cen por cento.

Carmen Barja, directora da residencia da Pobra de Trives: "Esperemos que isto dea bos resultados -comenta a directora da residencia da Pobra de Trives, Carmen Barja-. Pola nosa parte quédanos seguir traballando con todas as medidas de seguridade e estamos expectantes a todo o que poida ocurrir co máximo coidado".

A mesma trasfega se viviu no Carballiño, onde os equipos sanitarios vacinaban cento dez usuarios e traballadores de dúas residencias da localidade. Ás dez da mañá o proceso xa rematara. En total, son dúas mil as persoas inmunizadas na provincia ourensá, e está previsto que a principios de febreiro se complete a vacinación nesta primeira fase dos case 9.000 pacientes previstos.

Noticias web

23/01/2021