CRTVG

Buscar

En liberdade con cargos o presunto autor das coiteladas a un veciño seu en Abadín

Publicado o 17/02/2020 14:09

A Garda Civil prendeu un home de 55 anos, residente en Vilarente, Abadín, como presunto autor dunha agresión con arma branca a un veciño seu. No transcurso dunha pelexa, que ao parecer se produciu á beira desta pista, crese que se agrediron mutuamente e que o detido sacou unha navalla coa que lle asestou dúas coiteladas á vítima, unha nun pulmón e outra no abdome. Segundo o pai do suposto autor das navalladas, o motivo do altercado puido ser o uso non autorizado dun prado por parte do gando cabalar que levara o agredido.

"Eses cabalos son doutros señores, que ao parecer os atendía o Gabriel. Debeu de ser porque lle estaban comendo onde lle tiñan para as miñas bestas. Entón chamouno e habería palabras ou non sei que puido pasar. Aí foi a desavinza. Ademais, xa chegaron anoxados, que viñan previdos de paus. E a el parece que tamén lle petaron na cabeza", dixo Isaac Díaz, pai do detido.

Tras o suceso, a Garda Civil detivo o suposto autor das navalladas. Pola súa parte, o agredido foi trasladado ao hospital Lucus Augusti de Lugo, onde permanece ingresado na unidade de coidados intensivos.

"Onte, cerquiña da noite, vin baixar a Garda Civil, pero como moitas outras veces. Eu non pensei nada diso, e cando me chamaron non caín en quen podería ser ata que me dixeron que tiña cabalos. Pero non souben máis. Agora mesmo!".

"Eu, dende onte ás dúas da tarde non o volvín ver nin souben nada del. Nada!", di o pai.

Tras pasar o detido polos calabozos do cuartel de Lugo, o xulgado de Instrución número 1 de Mondoñedo decretou a súa posta en liberdade con cargos.

Noticias web

17/02/2020