CRTVG

Buscar

En folga de fame un home de Lugo farto dos veciños

Publicado o 03/07/2020 20:06

Juan Carlos xa non pode máis. Tivo que comezar unha folga de fame como último recurso para poñer fin á situación de angustia que leva vivindo dende hai ano e medio. Asegura que a familia que reside no piso por riba do seu provoca ruídos nocturnos de xeito que non poden descansar en ningún momento. Presentou diferentes denuncias ante a Policía Local e dirixiuse aos Servizos Sociais, pero non obtivo ningunha solución. Por iso, malia estar enfermo de cancro, decidiu plantarse diante do concello para protestar ata que o seu corpo aguante.

"Eu non teño outra vivenda. Son un traballador e merquei ese piso. Agora estou xubilado porque teño catro cancros enriba e preciso descansar, pero é imposible. Non hai quen poida con eles."

Segundo Juan Carlos, o dono do piso que habita a familia que causa os ruídos di que non pode facer nada por desaloxalos aínda que lle deben varios meses de alugueiro. Tamén di que nas ocasións en que a policía acudiu ao edificio, os ruídos se intensificaron ao pouco de marcharen os axentes.

"A policía di que eles non poden facer máis que poñerlles multas. Multas que non van pagar porque son insolventes. Como van traballar se se erguen á unha e media da tarde e están facendo ruídos ata a unha, as dúas, as tres ou as catro da mañá?."

Logo de 24 horas consumindo tan só líquidos, o home di que prefire pasar fame e durmir na rúa que ter que aguantar os seus veciños unha soa noite máis.

Noticias web

03/07/2020

Máis sobre Lugo