CRTVG

Buscar

En Dodro, piden batidas de xabaril nas brañas

Publicado o 26/08/2020 14:54

A extensión de vexetación na ribeira do Ulla ao paso por Dodro e outros concellos lindeiros é unha fonte de problemas para os integrantes da sociedade de cazadores. A causa está en que nese espazo da Rede Natura, os xabarís viven e reprodúcense sen problema. Pola noite saen, estragan cultivos e ocasionan contratempos na estrada.

Gerardo Reboiras Domínguez, presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Dodro, di que "os xabarís campan ás súas anchas. Soben e baixan, pasean, ocasionan accidentes na estrada practicamente todas as semanas".

Eses sinistros xa teñen cobertura nos seguros de coche, pero as reclamacións por danos en cultivo van contra a sociedade de cazadores como xestores cinexéticos. Os de Dodro afrontan unha demanda de 20.000 euros e din que os estragos son debidos á proliferación de xabarís na zona protexida. Piden autorización para batidas aquí, segundo relata Reboiras: "A ver se se implican e deixan baixar a fauna aí. Porque aí hai moita densidade de xabarís e hai que baixala. Mandámoslle escritos. Solicitamos esperas e solicitamos batidas. Algunha espera nos concederon, pero ese xeito non é moi efectivo, porque os xabarís non son parvos".

Refírese o presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Dodro ao olfacto fino dos xabaril para eludir os postos de espera dos cazadores. Así e todo, preparan accións dese tipo para frear a entrada dos animais en leiras do gandeiro que os demandou.

"Agora mesmo ampliamos o plan anual metendo esperas todo o ano para facer garda nas leiras a este señor para que non lles fagan máis danos", di Reboiras, que insiste en que a solución está en reducir drasticamene a poboación dese animal con batidas dentro dos terreos das brañas.

Noticias web

26/08/2020