CRTVG

Buscar

En corentena 23 persoas en Barbadás por dous casos importados dende Euskadi

Publicado o 24/07/2020 18:52

• Dous mozos están en illamento domiciliario e sintomatoloxía leve

• Aumenta ata 180 os casos activos en Galicia, 17 máis ca onte

 

Dous novos casos positivos por covid-19 que foron detectados no concello de Barbadás (Ourense) obrigou a poñer en corentena a 23 persoas. Os dous mozos con covid-19, que chegaron procedentes do País Vasco, atópanse neste momento en "illamento domiciliario e con sintomatoloxía leve", confirmaron fontes sanitarias.

Estas persoas foron identificadas por persoal do Servizo Galego de Saúde por manter contacto directo cos afectados, polo que as autoridade sanitaria xa puxo en marcha o protocolo de seguimento destas persoas. Fontes hospitalarias indicaron que está previsto que "ao longo da tarde" un equipo de profesionais proceda á realización das probas correspondentes para pescudar se hai outros casos positivos.

Estes dous novos casos elevan a cinco as persoas que se atopan en seguimento domiciliario por coronavirus na provincia de Ourense. A maiores, unha sexta persoa permanece ingresada no Hospital Universitario de Ourense.

Probas nunha residencia de Xove tras o positivo dunha empregada

Tamén se lles fixeron probas PCR aos usuarios dunha residencia en Xove tras o positivo dunha traballadora. A muller, residente en Viveiro, contaxiouse tras estar en contacto cuns familiares de Barcelona. Ademais dela hai outras catro persoas da familia contaxiadas, todas en estado leve e gardando corentena nos seus domicilios.

Baixan os casos na Mariña

Na comarca da Mariña os casos activos sitúanse en 56. As autoridades sanitarias insisten en non baixar a garda e extremar sempre o coidado nas reunións con familiares e amigos."Hai que extremar os contactos familiares aos imprescindibles. Non é o momento de facer reunións familiares grandes, é mellor agardar e facelas un pouco máis adiante", explica Julio García, xerente da área sanitaria de Vigo. Precisamente en Vigo, unha festa realizada a bordo dun barco deixa dous positivos. O brote do Porriño conitnúa limitado a seis contaxiados dunha mesma familia.

Noticias web

24/07/2020