CRTVG

Buscar

Docentes e especialistas investigan as causas do acoso escolar na infancia

Publicado o 15/12/2019 19:13

O acoso escolar é unha preocupación importante para familias e docentes, e decatarse a tempo de que un menor está sendo vítima é fundamental para poñerlle solución. Pero se este é un proceso longo e complexo no caso das vítimas, para as familias dos acosadores é, en moitos casos, máis difícil aínda de percibir.

É duro sospeitar do teu propio fillo ou filla e pensar que, sendo un neno ou un adolescente, pode ser unha persoa que repetidamente está facéndolle dano a outra e que converte o centro escolar ou o seu teléfono móbil nunha ferramenta para acosar. Son múltiples os factores que levan a un cativo ata esa situación, pero a educación desde os primeiros momentos da infancia é fundamental.

"Son nenos que non saben aguantar a frustración non a saben xestionar. E isto é o inicio do problema. Un neno que na casa obtén todo o que quere sen facer moito esforzo cando chega a fóra e non lle dan o que el quere e o que el necesita é cando el empeza a forzar e chegar a límites que non podemos de antemán supoñer." Di María Ferreiro, directora do Instituto do Tratamento da Conduta de Vigo

Un menor acosador non sempre presenta condutas conflitivas noutros contextos: non ter por que ser unha persoa violenta na casa e coa familia pero o seu comportamento muda cando busca ser o máis popular no seu círculo de amizades.

"O acosador o que busca é gañar autoestima, unha falsa autoestima. El quere posicionarse como líder, como rapaz ou rapaza popular. Como non ten outros medios para conseguir isto, faino a través da violencia. Se eu son violento e provoco medo cara aos mais, os demais van estar quietos, calados e escoitando. Vanme respectar." Asegura María Ferreiro, directora do Instituto do Tratamento da Conduta de Vigo.

Nunha sociedade na que se busca a popularidade continua, onde a violencia está normalizada e os valores materiais substitúen a falta de tempo para educar, os menores acosadores non deixan de ser tamén vítimas do sistema.

Noticias web

15/12/2019