CRTVG

Buscar

Empresarios de tempo libre piden normas de seguridade para a reapertura

Publicado o 11/06/2020 13:59

Din que son os grandes esquecidos desta crise sanitaria. Eles e os nenos. Os parques de ocio infantil pecharon o día 13 de marzo. Non poden abrir mentres continúe o estado de alarma. Pero máis alá todo son incertezas. 

Juan Oubiña, dono dun parque infantil: "Non sabemos que directrices temos que seguir, cando poderemos abrir, en que condicións, que axudas poderemos ter se a facturación non se corresponde coa que tiñamos".

Vai para tres meses que non teñen ingresos, pero os gastos acumúlanse. Aseguran que o sector está nunha situación dramática e sumido nunha chea de dúbidas. 

David Neira, empresario de tempo libre: "Tampouco podemos lanzar unha oferta para os pais e para as nais sen saber como debemos traballar cos nenos, que produtos de limpeza debemos utilizar porque sabemos que hai produtos que non son recomendados para os nenos".

Cren que este ano haberá oferta de campamentos de verán promovidos polas administracións públicas, pero que serán campamentos atípicos. David Neira, empresario de tempo libre: "Necesitamos uns protocolos que nos dean seguridade á hora de traballar cos nenos. Sabemos que manter unha distancia de dous metros con certo colectivo infantil é inviable, obrigar un neno a manter a máscara máis de certo tempo é inviable, porque é incómodo e agoniante". 

Juan Oubiña, dono dun parque infantil: "Que estamos aquí, que somos un sector importante para a conciliación, moitas familias fan uso del. Somos necesarios".

Unha vintena de empresas galegas do sector xuntáronse para facer forza. Piden que os concellos as teñan en conta cando fagan os plans de conciliación e sinalan que é o momento de que as actividades dos nenos volvan ser presenciais.

 

Noticias web

11/06/2020