CRTVG

Buscar

"Empezamos a mover terra e, case dúas horas despois, apareceu esa persoa"

Publicado o 20/12/2019 11:36

 

Polo momento descoñéncese as causas que fixeron caer un muro centenario do parque de San Domigo de Bonaval, en Santiago de Compostela, e que causou a morte este xoves dun home duns 80 anos. Nestes momentos, técnicos municipais analizan o estado dos restos desa muralla e a rúa Costiña do Monte permanece cortada ante a previsión de que poida haber novos desprendementos, e máis tendo en conta que a fin de semana está previsto que traía nova chuvia torrencial.

Os bombeiros confirmaron que na tarde deste xoves recibiron un aviso advertindo do derrubamento do muro e da caída dos cascallos enriba de varios coches. Nese momento non se sabía que puidese haber alguén atrapado baixo eses restos do muro. Non foi ata dúas horas despois, como confirmaba esta mañá nunha entrevista no 'Bos días', Manuel Sanmartín, oficial dos bombeiros composteláns, cando xa estaban rematando a retirada das pedras e a terra, que atoparon o falecido. O muro caera contra as seis da tarde, e preto das dez da noite apareceu o corpo deste home. 

Unha balsa de auga puido ser a causante do derrubamento do muro. Ata o lugar desprazáronse efectivos dos bombeiros de Santiago de Compostela, axentes da Policía Local e Nacional e efectivos de Protección Civil. O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Ciudadá, Gonzalo Muíños, declarou que o muro non estaba en bo estado e que ata esta data non se recibiran queixas veciñais advertindo da posibilidade de que o muro puidese caer. 

 

Máis sobre Santiago de Compostela