CRTVG

Buscar

Empeña o coche e logo róubao cun segundo xogo de chaves

Publicado o 27/11/2020 13:58

Un veciño de Lugo trouxo o seu coche a esta casa de empeños do barrio da Milagrosa. Cobrou o que lle deron por el e deixouno no establecemento. Ata aí todo normal. Días despois, o coche foi levado a un taller de reparacións e desapareceu. Todo indica que o propietario orixinal utilizou unha chave que gardara, para poder facerse outra vez co vehículo. A Policía Nacional está a tentar dar co paradoiro tanto do automóbil como do antigo propietario.

"Cando o novo dono levou o coche ao taller a reparalo, o antigo propietario usou as chaves ou unha copia das mesmas para collelo e marchar con el", explicou Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.

Tanto o primeiro dono do coche como o responsable da casa de empeños estaban tramitando a documentación para o cambio de titular e para unha posible venda a un terceiro. Pero, presuntamente, o individuo agora buscado pola policía non puido resistir a tentación ao ver de novo o automóbil, un Audi TT, ao alcance da súa man. Polo de agora, o vehículo non se volveu ver circulando por Lugo.

"Radiopatrullas que están na rúa e a policía xudicial están a buscar o vehículo e o antigo propietario. Todo indica que o coche ten que estar gardado nalgun garaxe a nalgún momento aparecerá", confía Manuel Arias.

Dende a Policía lembran a necesidade de asegurarse de recoller todas copias das chaves dos vehículos cando se realizan este tipo de transaccións e din que non é a primeira vez que se producen feitos similares na cidade de Lugo.

 

Noticias web

27/11/2020

Máis sobre Lugo