Eloy Jiménez estréase en Lugo como adestrador profesional
Tras pasar por cinco equipos da Segunda B, Eloy Jiménez estrearase como técnico de segunda división o vindeiro domingo nas Palmas. O novo técnico do Lugo aposta por un equipo atrevido ofensivamente e sólido e compacto en defensa.
"Temos que ser un equipo moito máis contundente na nosa área. Fun 16 anos futbolista profesional e vivín estas situacións. Temos que partir de ser un equipo sólido a nivel defensivo", dixo Jiménez.
O terceiro adestrador da temporada do Club Deportivo Lugo cre que a salvación é posible nas sete xornadas que quedan ata o final.
"Se non creo nos xogadores que temos, que ao final son os que saen e os que teñen que correr, seguramente non estaría aquí por moita oportunidade que fose. Encántanme estas situacións e estes retos. Seguramente o conseguiremos e estarei o ano que vén", asegurou o novo adestrador do Lugo.
Tino Saqués define o novo adestrador como un gran motivador. O presidente quere meterlle chispa ao equipo.
"Os rapaces se non daban máis é porque non podían. Vímolo nos últimos partidos. Pero non só son os xogadores. O corpo técnico tamén inflúe, e, neste caso, entendimos que necesitabamos dar osíxeno e meter algo de chispa", comentou Saqués.
Eloy Jiménez é o sétimo técnico desde a chegada hai catro anos de Tino Saqués á presidencia do club.