CRTVG

Buscar

Elévanse a tres os mortos na explosión da petroquímica de Tarragona

Publicado o 15/01/2020 19:26
24 horas despois da explosión, os bombeiros lograron apagar o lume na planta petroquímica da Canonja. Afánanse agora en baleirar os restos do óxido de etileno que quedan no interior do tanque accidentado. Este mércores rescataron de entre os cascallos o corpo dun operario, de 59 anos. Pouco despois coñecíase a morte dun dos 8 feridos que estaba en estado crítico. A terceira vítima vivía neste piso do barrio tarraconense de Torreforta. Unha tapa metálica do reactor voou tres quilómetros e acabou coa súa vida.
O presidente da Generalitat confirmou que non hai riscos de toxicidade e anunciou a creación dunha mesa "para analizar todo o que pasou neste incidente e poder sacar conclusións de mellora do que foi ben e do que non foi tan ben".

Protección Civil da Generalitat asegura que a empresa Iqoxe non avisou do accidente o centro de emerxencias nin ao 112. A compañía deféndese.

José Luis Morlanes, conselleiro delegado de IQOXE, di: "Estou convencido de que fixemos as cousas ben e que comunicamos e traballamos en coordinación cos bombeiros. Se vostede me pregunta se o fixemos nun minuto ou minuto e medio, tiñamos cinco compañeiros desaparecidos".

Tamén se cuestiona se foi correcto o xeito en que a Generalitat ordenou o confinamento da poboación, máis de media hora despois da explosión.

Para José Martín, secretario xeral de CCOO-Industria Tarragona: "O que non pode ser é que se o protoclo di que teñen que soar as alarmas para confinar a poboación, estas alarmas non soen. Porque vía Twitter, non todo o mundo ten Twitter, non todo o mundo consulta o Twitter".

O Goberno catalán abriu un expediente informativo para comprobar se a compañía cumpría a normativa industrial.
 
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí