CRTVG

Buscar

Sanidade investiga se hai transmisión comunitaria no brote familiar na Mariña con 11 afectados

Publicado o 25/06/2020 17:47

• Unha xuntanza familiar o 13 de xuño en Xove deixa oito infectados

 

Ata agora son 11 os casos positivos de coronavirus relacionados con este brote familiar. Ningún precisou hospitalización e a maioría están asintomáticos gardando corentena nos seus domicilios. 

Sospeitan que a orixe do contaxio foi o primeiro integrante da familia diagnosticado, pero non realizou ningunha viaxe recentemente polo que tampouco se pode descartar ao 100% que se trate dunha transmisión comunitaria.

Non hai constancia de que teñan relación con este brote ningún dos outros tres casos positivos que hai na comarca neste momento.

O protocolo de vixilancia epidemiolóxica activouse na Mariña ao dar positivo por coronavirus unha persoa que acudiu con síntomas ao PAC de Burela. Axiña se lles fixo a proba aos familiares cos que mantivera un encontro en Xove.

Demetrio Salgueiro. alcalde de Xove: "Nunha reunión de celebración onde houbo oito contaxiados, un deles é residente no concello de Xove, os outros viven noutros concellos da Mariña"

O rastrexo levou a identificar outras persoas que tiveran contacto cos infectados. Este xoves sóubose que deran positivo por coronavirus tres das 26 probas PCR pendentes do día anterior.

Demetrio Salgueiro. alcalde de Xove:"Sabemos que están asintomáticos, só un ten síntomas leves. O resto asintomáticos, con perda de gusto e olfacto, pero sen síntomas importantes"

Todo apunta a que se trata dun brote familiar e que o doente cero é a primeira persoa diagnosticada, pero a investigación continúa. Non fixo recentemente ningunha viaxe e non se pode descartar totalmente que se trate dunha transmisión comunitaria. O brote causou preocupación na comarca, onde continúa o rastrexo de contactos na busca de posibles novos positivos.

"O virus está aí e en calquera momento tócalle a calquera, se non se toman precaucións, claro" "vida normal si, pero con moita precaución e moito coidado"

Todas as persoas relacionadas con este brote gardan corentena. Na comarca hai outros tres casos activos, en principio sen relación con este foco. Dous deles acaban de ser diagnosticados, unha muller nunha análise preoperatoria e un home de 71 anos que tivo que ser hospitalizado

Estabilizado o brote da Barbanza 

O outro brote detectado en Galicia, o da comarca da Barbanza está estabilizado. Tivo a súa orixe nun caso importado do Brasil. Tras realizar máis dun cento de probas deron positivo nove persoas de Ribeira e a Pobra do Caramiñal. Non houbo novos casos vinculados a este brote nas últimas horas e xa recibiu a alta unha das persoas que resultaran infectadas.