CRTVG

Buscar

El Hacen volve darlle o triunfo a un Lugo que se aferra á categoría

Publicado o 23/02/2020 14:45

A importancia do triunfo conseguido hoxe polo Club Deportivo Lugo coñecerase co tempo. Pero agora mesmo, o equipo de Curro Torres énchese de optimismo e esperanza para o futuro. Porque o duelo ante o Oviedo, rival directísimo, era fundamental.

O Lugo mostrou unha grande efectividade para facerse cos tres puntos e de paso gañarlle a diferenza de goles particular ao conxunto asturiano. O único gol do partido, tal e como acontecera a pasada semana en Fuenlabrada, levou a sinatura de El Hacén. No minuto 15, unha falta botada por Rahmani atopou a cabeza do mauritano. En sete días, dous tantos e seis puntos para un Lugo que na primeira metade logrou que o seu rival non creara ningunha ocasión de perigo. Mostrouse superior a un Oviedo nervioso que non notaba a contribución do seu novo adestrador, o Cuco Ziganda.

Distinto foi o segundo tempo. Os asturianos deron un paso adíante e gozaron de oportunidades para empatar o encontro. Rodri marcou ao pouco do reinicio, pero estaba en fóra de xogo. O dominio visitante levou a inquedanza ás bancadas do Anxo Carro, onde se deron cita máis de cinco mil seareiros. Todos eles viviron con intensidade o que foi acontecendo ata o remate do choque. Porque a emoción se mantivo ata o asubío final de Varón Aceitón. Con fortuna nalgunha acción, o Lugo foi aguantando a súa vantaxe. E na única aproximación local con perigo da segunda parte, Manu Barreiro lograba marcar. Pero o VAR avisou ao árbitro dunha posible man de Gerard Valentín. Logo da revisión, o gol foi anulado. Era o minuto 89, e a decisión prolongou o sufrimento uns intres máis.

Finalmente, o un a cero foi definitivo. O Lugo suma 32 puntos, tres máis que o Oviedo, a un da salvación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/02/2020