CRTVG

Buscar

Intensifican os controis para evitar desprazamentos a segundas residencias na Semana Santa

Publicado o 08/04/2020 18:41

Comeza unha Semana Santa completamente diferente, con moitos menos desprazamentos e na que o traballo dos axentes de Tráfico ten un enfoque tamén distinto.

Garda Civil, Policía Nacional e Municipal vixiarán as vías principais e tamén as secundarias nestes catro días co obxectivo de detectar e frear a posible saída de persoas cara a segundas residencias. Detectouse un repunte deste tipo de desprazamentos, completamente prohibidos, e a resposta é un aumento de controis sobre todo na madrugada e nas saídas das grandes cidades.

Estímase que os desprazamentos por estradas galegas nestas datas non superarán os 60.000 cando o ano pasado foron máis de millón e medio. Os desprazamentos non esenciais continúan prohibidos polo estado de alarma.

Atascos debidos aos controis, non ás viaxes vacacionais

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) nega que haxa retencións polo desprazamento de vehículos non esenciais e asegura que as retencións son froito dos novos controis que implementaron con motivo da Semana Santa. "A xente non se está a ir a segundas residencias, só que os poucos que se moven teñen que pasar polo control e a moitos pillounos de regreso a casa", aseguraron desde Tráfico.

A Garda Civil estableceu nas estradas 150 controis fixos tanto de día como de noite para evitar desprazamentos non permitidos esta semana Santa, aos que se sumarán a vixilancia móbil e a que dispoñan o resto de corpos policiais. Este incremento de controis está a provocar que haxa algunhas retencións nas zonas onde se estableceron, xa que se produce un estreitamento de carrís.

Segundo informou a DXT, hai varias estradas dirección saída de Madrid que están a sufrir retencións, como a A3, con medio quilómetro de atasco; a A5, cun quilómetro; ou a A6, con dous quilómetros. Así mesmo, tamén se viu afectada polos controis a A2, con 800 metros de coches parados.

Desde Tráfico volven apelar á responsabilidade cidadá e a que todos nos quedemos na casa, porque cantos menos desprazamentos se produzan, antes poderemos acabar coa pandemia.

Noticias web

08/04/2020