CRTVG

Buscar

EUA deixa de considerar ilegais os asentamentos israelís en Cisxordania

Publicado o 19/11/2019 05:46
EUA deixa de considerar ilegais os asentamentos israelís en Cisxordania

Novo golpe da Administración Trump á solución de dous Estados para o conflito entre Israel e Palestina: EUA deixa de considerar ilegais os asentamentos xudeus no territorio ocupado de Cisxordania. Racha deste xeito cun punto clave da súa política das catro últimas décadas ao respecto: co memorando do Departamento de Estado que en 1978 os tildou de incompatibles coa IV Convención de Xenebra do 49, que prohibe desprazar poboación da potencia ocupante a un territorio ocupado.

O encargado de anunciar o cambio de postura foi precisamente o secretario de Estado, Mike Pompeo, que aclaraba que o presidente Donald Trump tampouco defende explicitamente a súa legalidade: non se pronuncia. E aseguraba que esta decisión "proporciónalles o espazo necesario ás partes para que cheguen a unha solución pacífica".

O anuncio chega a dous días de que remate o prazo para tentar formar Goberno en Israel, co posto de Benjamin Netanyahu como primeiro ministro en funcións no aire. Malia que desde Washington negan calquera relación, Netanyahu aplaudíu de inmediato o cambio de postura. Para a Autoridade Nacional Palestina, EUA perdeu toda credibilidade e xa non xoga ningún papel no proceso de paz. A UE reafírmase en que os israelís deben poñer fin aos asentamentos en territorio ocupado.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí