CRTVG

Buscar

Educación endurece os servizos mínimos para a folga docente "para evitar a propagación da covid-19"

Publicado o 08/09/2020 18:05

• Os sindicatos denuncian que a Xunta tenta boicotear a convocatoria e impugnarán a decisión

Continúa a polémica entre os sindicatos de profesorado e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Un día despois de que Román Rodríguez tomase formalmente as rendas do departamento, as organizacións convocantes da folga do 10 e do 16 de setembro denunciaron as condicións abusivas impostas pola Xunta, que endureceu os servizos mínimos decretados para a protesta xustificándose na situación de emerxencia sanitaria e a necesidade de garantir as medidas preventivas previstas ante a COVID-19.

O 'Diario Oficial de Galicia' publica este martes a orde que regula as condicións e os servizos mínimos para as xornadas de protesta, en que apuntan a que as "circunstancias extraordinarias e graves" en que se atopa o territorio "obrigan" a afastarse dos criterios habituais fixados en anteriores convocatorias de folga.

Segundo o texto, terá que acudir a cada centro o titular da dirección, un profesor por cada grupo de alumnos, ademais do 100 por cento de persoal de limpeza, de cociña, auxiliar coidador, ou educadores e ATS e persoal médico, entre outros.

Entre os motivos apelan ao artigo 43.1 da Constitución e ao dereito á protección á saúde, e a que os servizos fixados deben ser os adecuados para lograr o "cumprimento efectivo das medidas preventivas" fixadas polas autoridades para evitar a propagación da pandemia, entre elas a limitación de contactos ou de hixiene que requirirán o estímulo e vixilancia do persoal do centro.

Educación incide, expresamente, en que a folga está prevista para o primeiro día de entrada no centro nas aulas tras as vacacións de verán, é dicir, un día "clave" para garantir o cumprimento destas medidas.

 Estas condicións non gustaron entre as catro organizacións convocantes da folga, que xa avanzaron que impugnarán os servizos mínimos por consideralos "abusivos" e un intento de boicotear a convocatoria dos sindicatos para o inicio do curso.

Diversas municipios galegos acollerán entre o mércores e o xoves concentracións convocadas por organizacións sindicais en defensa dun curso escolar seguro e para instar á redución de cocientes de alumnado e á contratación de docentes nos centros educativos.

Este mércores e xoves hai convocadas varias concentracións

Este mércores, o Sindicato Nacional do Ensino Privado de Galicia e a Asociación de Educadoras, Mestras de Escolas Infantís convoca protestas ás 13,30 horas en San Caetano, ante a Consellería de Educación, e ás 20,30 horas na Porto do Sol, en Vigo.

Doutra banda, o día do inicio do curso en infantil e primaria están convocadas numerosas concentracións por parte de CIG, CC. OO, STEG e CSIF, ás 11,30 horas. En concreto, celebraranse ante a Consellería de Educación, en San Caetano, ante os edificios administrativos da Xunta en Ferrol, A Coruña, Vigo e Lugo, ante o Concello de Ribadeo, a xefatura territorial de Educación en Ourense, o Concello de Verín, no Barco, na praza da Peregrina de Pontevedra, na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa, e ante o Concello de Cangas.

 

Noticias web

08/09/2020