CRTVG

Buscar

Educación e comunidades autónomas tratan de acordar como será o final do curso

Publicado o 14/05/2020 07:32
Educación e comunidades autónomas tratan de acordar como será o final do curso

A ministra de Educación, Isabel Celaá, preside este xoves unha Conferencia Sectorial telemática en que tratará de chegar a acordos coas comunidades autónomas sobre o final do curso escolar afectado pola crise sanitaria, que inclúe facer a proba de acceso á Universidade, ABAU.

A desescalada do estado de alarma permite que na Fase 1, posta en marcha o 11 de maio nalgunhas comunidades, os colexios abran para a desinfección dos centros e mais para tarefas administrativas.

E na fase 2, prevista a partir do 25 de maio, inclúe a volta voluntaria á clase de alumnos de cuarto da ESO, segundo de Bacharelato, segundo de Formación Profesional e Infantil ata 6 anos para familias que acrediten que os proxenitores teñen que realizar un traballo presencial sen posibilidade de flexibilización.

Pero aínda hai moitas incógnitas sobre como se van levar a cabo esas fases no ámbito educativo e arredor da conveniencia de reabrir as aulas.

Algunhas comunidades autónomas coma a do País Vasco pronunciáronse sobre o tema e delegan en cada centro educativo a decisión sobre a volta ás clases; pola súa parte, a portavoz do Goberno estremeño, Isabel Gil, comentou que se teñen "moitas dúbidas de como acometer" esta desescalada educativa.

A ministra e as autonomías tamén exporán como levar a cabo as ABAU, sobre as cales o director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, afirmou que deben concretarse medidas tanto para a chegada dos alumnos como durante o exame e non refugou a posibilidade do uso de máscara para estes alumnos.

Tratarase tamén como será o comezo do próximo curso a partir de setembro, que non poderá ser igual que en anos anteriores, e sempre supeditado ás advertencias sanitarias, segundo comentaron a Efe fontes educativas.

No sindicato CSIF destacouse que existe "unha gran preocupación na comunidade educativa pola falta de plans e a diversidade de posicións das consellerías do ramo".

E o Sindicato de Estudantes rexeita a volta ás aulas ao considerar que se non hai as máximas medidas de seguridade os centros converteranse "en lugares de contaxio", e por esa razón néganse "a poñer en risco" as súas vidas.

"Como poderemos garantir a distancia de 1,5 metros entre pupitres con aulas totalmente  masificadas? O Ministerio de Educación repartirá máscaras aos estudantes, aos profesores e aos traballadores dos nosos centros? Asegurarán a desinfección das aulas e tests para todo o mundo? Como organizarán un transporte público que adoita ir abarrotado?", son algunhas das preguntas que fai este sindicato estudantil.