CRTVG

Buscar

Dous mozos de 19 e 22 anos falecen en senllos accidentes de tráfico en Caldas e Vilaboa

Publicado o 05/04/2019 22:07

• Un esnafrouse contra a mediana dunha rotonda en Baión. No outro accidente, en Vilaboa, un turismo bateu contra un camión 

Unha sarabiada causa unha colisión múltiple na AP-9 en Santiago

 

Dous accidentes de tráfico graves con vítimas mortais complicaron moito o tráfico este mediodía. Un deles foi en San Simón, nos límites dos concellos de Caldas de Reis, Vilagarcía e Vilanova.

Un mozo de 19 anos morreu neste sinistro que se produciu arredor da unha e media da tarde. Circulaba pola estrada que vén desde O Carril cando se precipitou contra a medianeira da rotoda e acabou caendo na estrada nacional 630 desde unha altura considerable. A vítima era natural de Valga pero vivía en Meis. O coche quedou estragado e os servizos de emerxencias só puideron certificar a súa morte. No outro accidente, en Vilaboa, morreu outro mozo de 22 anos. Quedou ferido crítico, pero faleceu mentres eran trasladado en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro. 

O vehículo circulaba pola estrada VG 4.7 en dirección a San Simón. Ao chegar á rotonda de Baión non freou, bateu contra o muro da medianeira, rompeuno e seguiu ata caer á estrada nacional 640. O coche quedou desfeito e o mozo, de 19 anos, natural de Valga pero residente en Meis, ferido moi grave. Ao lugar acudiron os servizos de emerxencia do Concello de Vilagarcía, pero pouco puideron facer, e cando chegou o médico só certificou a morte do condutor.

"Fomos o primeiro recurso que chegou ao lugar e o que se atoparon os compañeiros foi unha persoa con feridas de importancia, de feito incompatibles coa vida, e o coche totalmente estragado, botando fume", asegura Francisco Guillán Busto, xefe do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía. 

A Garda Civil está investigando as circunstancias do suceso porque o impacto foi moi importante e o vehículo circulou recto na baixada, sen facer a curva á que obriga a rotonda e rompeu a medianeira de formigón. Barállase que circulaba a gran velocidade.

Case ao mesmo tempo producíase outro accidente mortal en Vilaboa. Un choque entre un turismo e un camión deixou un morto e tres feridos. A vítima mortal é un mozo de 22 anos que foi trasladado en estado crítico ao hospital Álvaro Cunqueiro pero faleceu no camiño. Os feridos son os outros tres que ían no turismo, tamén mozos de arredor dos 20 anos. O sinistro ocorreu na nacional 554 á altura de Santa Cristina de Cobres.