CRTVG

Buscar

Tres novas vítimas mortais en Galicia nunha xornada en que descenden os casos activos

Publicado o 23/05/2020 11:00

Galicia rexistrou na tarde do sábado unha nova vítima, un home de 86 anos ingresado no Clínico de Santiago. Súmase ás outras dúas computadas pola mañá no Complexo Hospitalario da Coruña e no de Ourense. Con esta repunta elévase a cifra total a 613 mortes, na xornada con máis falecementos desta semana.

A situación das persoas ingresadas nos hospitais galegos mantén a tendencia á melloría do último mes. Hoxe hai 11 persoas na UCI, 8 menos ca o sábado pasado; 66 ingresadas en planta e 807 no seu domicilio. En canto aos novos casos, o Ministerio de Sanidade rexistrou 14 novos positivos diagnosticados por PCR, o dobre ca onte: 5 persoas contaxiadas precisaron hospitalización e unha ingresou na UCI.

Neste momento quedan 884 casos activos na nosa comunidade, segundo confirmou a Consellería, e hai 9.684 persoas curadas.

Por áreas sanitarias, o número de casos activos descende ou mantense en todas. Vigo e A Coruña seguen encabezando e Ourense e Santiago son nas que máis descenderon os casos nas últimas horas.

En España, descende o número de vítimas mortais diario. Segundo o último parte, con datos recollidos ata as 3 desta tarde, rexistráronse 48 falecementos, e a cifra total elevouse aos 28.678. O total de persoas positivas confirmadas por PCR é de 235.290. Nas últimas 24 horas detectáronse 361 novos casos, a maioría en Cataluña, Madrid e Castela e León.

Noticias web

23/05/2020