CRTVG

Buscar

Dúas mulleres hospitalizadas en Lugo tras o ataque duns cans ceibos

Publicado o 11/09/2020 14:43

Ata tres mulleres sufriron feridas de diversa consideración debido aos ataques de dous cans que estaban ceibos. Os sucesos producíronse, con escasos minutos de diferenza, na céntrica rúa Concepción Arenal de Lugo.

Os animais trabaron nas pernas as vítimas. Unha delas foi trasladada ao hospital Virxe dos Ollos Grandes, mentres que a máis grave, de 69 anos, tivo que refuxiarse dos cans nunha tenda e recibir os primeiros auxilios nunha clínica privada próxima antes de ser trasladada ao HULA.

"Foron dous cans de raza bóxer, que estaban soltos e sen bozo, sen as pertinentes medidas de seguridade por parte de quen os paseaba, os que atacaron varias mulleres", explica Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo.

Braulio González, estaba na súa farmacia cando, de súpeto, entrou unha das vítimas asustada. "Apareceu unha señora cunha perna mancada, sangrando, e moi preocupada e asustada porque un pouco máis arriba saíron uns cans dun baixo e atacárona", asegura Braulio, "a partir de aí, non foi só esta señora, houbo outras dúas persoas que se viron involucradas".

Tanto a dona dos cans coma o seu pai, que levaba os animais no momento dos ataques, foron identificados pola Policía. Posto que se trataba de exemplares dunha raza potencialmente perigosa e non contaban con medidas de seguridade, ambos os dous poderían ser sancionados.

Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo:
"Identificáronse a persoa que levaba os cans e a propietaria. Evidentemente, van ser propostos para as sancións respectivas, de maneira administrativa, por non cumpriren a normativa respecto ao que teñen que levar este tipo de cans de raza perigosa, como son a utilización do bozo e ir atados cunha corda ou unha cadea cunha lonxitude inferior a dous metros".

A vítima máis grave recibiu, finalmente, numerosos puntos de sutura na perna que lle morderon os cans.

Noticias web

11/09/2020