CRTVG

Buscar

Down Coruña: a inclusión social a través do deporte

Publicado o 10/04/2019 21:42

O programa Xogamos da Asociación Down Coruña supera os dez anos de existencia co obxectivo de integrar os seus participantes en actividades deportivas normalizadas. A idea final é que desapareza o programa e que o soño da inclusión sexa, por fin, unha realidade.

Pili pode chegar aos 400 abdominais nunha hora. Pero o obxectivo do programa Xogamos de Down Coruña non é sacar campións.

"Tentamos traballar desde que chegan que teñan unha puntualidade, que lles poida facilitar o día de mañá a busca de emprego. O hábito de autonomía, de hixiene persoal, de transporte autónomo...", di Andrés Vidal, responsable de deportes de Down Coruña.

Dani González é o delegado e segundo adestrador do OAR, o principal equipo de balonmán da Coruña. Outros compañeiros seus do programa Xogamos desenvolven funcións parecidas noutros clubs como o Ventorrillo de fútbol sala ou o Victoria de fútbol.

"A día de hoxe podemos dicir que perdemos uns cantos participantes, pero fixémolo porque agora mesmo gozan en clubs ordinarios do que é a actividade física", asegura Xosé Rodríguez, xerente de Down Coruña.

"Traballo aquí en deportes. Axudo a Andrés a montar o circuíto e doulle brasa", chancea Francisco Calviño, usuario de Xogamos.

"Vai mellorando a súa autonomía nas cousas que fai, na súa autoestima porque o deporte é algo importante para ela que se ve facendo cousas", cóntanos Xosé Luis Sande, pai dunha usuaria.

Pili segue facendo abdominais. Algún día poderá facelos nalgún ximnasio da cidade.

Noticias web

10/04/2019