CRTVG

Buscar

Dous pontevedreses abren un hostal en plena crise do coronavirus

Publicado o 03/08/2020 15:10

Gabino e Ramón son dous pontevedreses, amigos dende fai anos, que a pesar da complexa situación en que se atopa a economía decidiron apostar por sacar adiante o seu proxecto de montar xuntos un hostal. Con ganas e ilusión buscaron o lado positivo de todo isto.

Optaron por abrir este ano, sendo conscientes das dificultades, coa idea de aprender e descubrir os erros que poden chegar a cometer para o próximo ano, en que as expectativas son algo maiores.

O hostal que montaron, situado na cidade de Pontevedra, afástase un pouco da idea de albergue tradicional. Conta cuns cuartos e baños privados para que non só se aloxen os peregrinos. Agora mesmo, a súa preocupación inicial é garantir a seguridade de todo aquel que os visite.

Abriron as súas portas o sábado e xa recibiron a visita de algún que outro peregrino. Os poucos turistas que se están a ver optan polo Camiño de Santiago por consideralo unha opción mellor que o turismo de praia e aseguran que as medidas de seguridade que están a atopar lles dan moita confianza.

O coronavirus non está a parar os emprendedores galegos. Aínda que a crise sanitaria demorou moitos proxectos, foron bastantes os galegos que decidiron seguir apostando polos seus plans. 

Noticias web

03/08/2020