CRTVG

Buscar

Dous novos rebrotes, en Santander e no Vall d'Arán

Publicado o 27/06/2020 15:44

Primeiro rebrote en Cantabria, tras detectárense 13 casos nun edificio de Santander que se acaba de poñer en corentena. Onte á noite houbo outro rebrote no Val d'Arán que deixaba polo menos sete positivos que compartiran unha barbacoa. Con todo, os brotes que máis preocupan sesguen sendo os de Aragón e de Málaga. Á espera de que se actualicen os datos, hai nas últimas horas 191 casos diagnosticados en España, 34 máis ca o día anterior. 

Á espera de que o Ministerio de Sanidade actualice esta tarde os datos oficiais, España rexistra unha cifra total de contaxiados de 247.905 desde o inicio da pandemia.

As vítimas mortais ascenden a 28.338. Os falecidos nos últimos sete días son 11.

O desconfinamento e a relaxación das medidas elevan de 83 a 191 positivos en España nos últimos 7 días, e 34 casos máis ca o xoves... Os expertos cren que a chegada de turistas será un desafío para o control de positivos, preocupan os casos importados que poidan entrar a través dos aeroportos e que non sexan detectados.

En todo o país, hai uns 21 focos activos... o último detectouse no Vall d'Arán, onde hai polo menos sete positivos. Segundo a Consellería de Saúde da Generalitat o foco orixinouse nunha barbacoa... As autoridades sanitarias están facendo un seguimento dos contactos dos positivos e non se descartan novos casos . Ese brote súmase ao detectado na residencia de maiores Castrillón de LLeida a semana pasada con 18 persoas afectadas, 13 delas residentes e 5 empregados.

Aragón é a comunidade con máis positivos... onte volveu ser o territorio con máis casos, ao aglutinar o 40% dos novos casos notificados. En Huesca o rebrote afecta a catro comarcas, que tiveron que regresar á fase 2. O foco comezara nunha explotación hortofrutícola. Hai un total de 270 positivos. Deses, onte contabilizáronse 75 casos.

Andalucía rexistra nove brotes en fase de control ou de investigación nas provincias de Málaga, Granada, Cádiz, Huelva e Almería, cun total de 172 casos confirmados. Sumaron 45 positivos por PCR nas últimas 24 horas.
En Málaga, o brote nun centro de acollida da Cruz Vermella deixou xa 90 positivos. A maioría son usuarios do centro e 9 son traballadores. Desde a Xunta de Andalucía destacaron hoxe que ese foco está "controlado e confinado".
En Murcia, ascendeu o número de contaxiados no rebrote relacionado cun voo procedente de Bolivia. Hai 24 positivos, cinco máis onte.

Noticias web

27/06/2020