CRTVG

Buscar

Tres mortos nun ataque nunha igrexa na cidade francesa de Niza

Publicado o 29/10/2020 21:47

Tres persoas morreron no que parece un atentado terrorista con arma branca nunha igrexa católica do centro de Niza, na Costa Azul francesa, segundo anunciou o alcalde da cidade, Christian Estrosi.

O rexedor asegurou que o autor dos feitos foi gravemente ferido durante o seu arresto por parte da policía municipal e que non deixaba de gritar "Alá é grande" cando foi reducido.

Estrosi sinalou que un dos falecidos é o sancristán da igrexa da nosa Señora de Niza, un templo neogótico situado en pleno centro da cidade.

A outra vítima mortal é unha muller que sería decapitada, sinalou o alcalde á canle de televisión BFMTV. E a terceira vítima é un home que segundo parece fuxiu, ferido moi grave, e conseguiu refuxirarse nun bar próximo, e que finalmente faleceu.

A Fiscalía Antiterrorista abriu unha investigación por "asasinato con fins terroristas", entre outros cargos.

O alcalde atribuíu o atentado ao "islamofascismo" e asegurou que falou co presidente, Emmanuel  Macron, que ten previsto trasladarse ao lugar dos feitos nas próximas horas.

Os feitos tiveron lugar ás 9.00 horas nunha cidade que xa foi escenario en 2016 dun grave atentado islamita que causou 86 mortos.

A policía acordoou a zona de forma inmediata e os artificieiros trasladáronse ao lugar dos feitos, no que se escoitaron varias detonacións que a Prefectura atribuíu ás súas operacións.

O ministro do Interior, Gérarld Darmanin, abriu unha célula de crise á que se trasladou o primeiro ministro, Jean Castex, que abandonou a Asemblea Nacional (cámara de deputados) onde presentaba as medidas de confinamento para afrontar a pandemia de covid-19.

Tras gardar un minuto de silencio na cámara, o xefe do Goberno asegurou que non podía seguir co seu discurso nestes momentos de gravidade e apelou á "unidade" e a "cohesión" da nación.

O atentado prodúcese dúas semanas despois de que Samuel Paty, profesor dunha escola secundaria de Conflans-Sainte-Honorine, nos arredores de París, fora decapitado tras mostrar nas súas clases caricaturas de Mahoma.

O presunto terrorista, un tunecino que entrou no pais hai poucos días desde a illa italiana de Lampedusa, está detido, tras quedar ferido grave polos disparos dos axentes.

O presidente francés desprazouse ao lugar, onde confirmou que se trata dun atentado de corte islamista.

Emmanuel Macron ordenou despregar 4.000 soldados máis en toda Francia para protexer os lugares de culto durante a festividade de Todos os Santos e a festa musulmá do Mawalid, que conmemora o nacemento de Mahoma.

Este xoves un home foi abatido en Lión tras esgrimir un coitelo nun tranvía. Outro atacou un garda de seguridade no consulado francés na cidade saudita de Yedda.

Francia eleva o nivel de vixilancia terrorista

O primeiro ministro francés, Jean Castex, anunciou este xoves que elevou o nivel de alerta terrorista en todo o país. Ante a Asemblea Nacional, Castex considerou "innoble, bárbaro e abxecto" o atentado e prometeu unha resposta "firme, implacable e inmediata".

Ademais, o primeiro ministro anunciou un Consello de Defensa extraordinario para mañá, venres.

Abatido un home que ameazaba cunha arma en Aviñón

Un home que este xoves pola mañá ameazaba cunha arma na rúa os peóns na cidade francesa de Aviñón, no sueste do país, foi abatido pola policía, segundo os medios locais. O home, que levaba unha pistola, morreu e non hai feridos. 

Atacan a un garda de seguridade no consulado francés en Xidña

As forzas de seguridade sauditas detiveron este xoves un cidadán que atacou cun obxecto punzante a un garda de seguridade do consulado francés na cidade de Xidá, no oeste de Arabia Saudita, que resultou ferido leve, informou a axencia oficial SPA.

A Policía da provincia de Meca "arrestou a un cidadán que atacou a un garda de seguridade no consulado de Francia cun obxecto punzante e que resultou ferido leve", segundo SPA, que non ofreceu máis detalles.