Dous lobos pasean tranquilamente por Lourenzá
Son as imaxes de dous lobos de gran tamaño andando tranquilamente pola estrada xeral que une Lugo con Lourenzá, pola parroquia de Santo Tomé. As fotografías foron tomadas a plena luz do día tanto na vía como nun prado lindeiro.
Aínda que a estrada ten un tráfico considerable malia o confinamento, a ausencia de persoas na rúa fixo que os animais perderan o medo a achegarse ás vivendas, incluso a esta dende a que se tomaron as fotos. Con todo, os veciños non as teñen todas consigo coa presenza do lobo.
"Pode ser perigoso, e dixeron que xa matara ovellas entre San Lourenzo e San Xurxo. Non é boa cousa nin bo sinal".
A principal preocupación pola presenza do lobo céntrase no risco que poden supoñer para as vacas, cabalos e ovellas que pacen nos prados e leiras de Santo Tomé. Ao parecer, os dous lobos tamén foron vistos en Trabada, Ribadeo e Barreiros.