CRTVG

Buscar

Dous bebés de lobo mariño recupéranse en Nigrán

Publicado o 02/12/2020 14:47

Chámase Rube, e é un larpeiro, encántanlle as xardas e as sardiñas, os xurelos xa non tanto. O seu compañeiro de hospital é Pábar. Pábar apareceu o sábado pasado na praia de Barizo, en Malpica. Está aínda algo pachucho. Rube leva xa quince días nesta UCI do centro CEMMA. Os dous teñen menos de tres meses, chegaron ás nosas costas en busca de alimento e tiveron problemas para afastarse. Foron recollidos e agora reciben atención médica e coidados para recuperarse.

Alfredo López, biólogo do CEMMA e encargado da Unidade de Coidados Intensivos, conta que "os cachorros están normalmente a dez graos de temperatura e nas primeiras semanas non precisan moita auga. Como moito unha piscina pequeniña onde comezan a coller o alimento xa na auga".

Se se recuperan das súas feridas e van gañando peso, o seguinte aloxamento será o Instituto de Formación Acuícola da Ila de Arousa, onde teñen espazo e piscinas ao aire libre. Pero para iso teñen que chegar polo menos aos 20 quilos. Dende o CEMMA lémbrannos que tanto o lobo mariño como os golfiños son especies protexidas, está prohibido gravalas sen autorización ou mesmo manter contacto.

Alfredo López asegura que "o animal sen querer pode danar a unha persoa. Sabemos que hai doenzas que se contaxian de uns a outros e polo tanto non debemos de facer un contacto directo, primeiro porque tamén está prohibido." É unha cuestión de garantía cara a persoa e garantía cara o animal.

Cando Rube e Pábar estean completamente recuperados, algún dos barcos arrastreiros da frota galega que pesca no Gran Sol levaraos para seren liberados en augas irlandesas.

Noticias web

02/12/2020