CRTVG

Buscar

DomusVI defende no Parlamento a súa xestión das residencias

Publicado o 13/11/2020 15:33

Josefina Fernández é conselleira delegada de DomusVi, un grupo empresarial que ten preto de 200 residencias de maiores en toda España. Varias en Galicia, que foron especialmente golpeadas pola covid-19.

Asegurou que os seus centros están ben xestionados pero que ninguén estaba preparado para esta pandemia. Culpou o Sistema Nacional de Saúde de non ter nada previsto e as autoridades de banalizar o virus durante semanas, coma se fose unha simple gripe.

O voceiro socialista, Pablo Arangüena, sementou dúbidas sobre o comportamento ético da comparecente. Acusouna de enriquecemento co coidado dos maiores. Mesmo lle pediu explicacións sobre a súa participación accionarial e sobre o posible desvío de cartos a paraísos fiscais. O presidente da comisión pediulle desculpas á comparecente pola intervención do deputado e lembrou que se trata dunha comparecencia voluntaria.

O BNG cre que as mortes nesas residencias fan urxente apostar por un modelo cen por cento público. O grupo popular cre que se deben corrixir eivas nas residencias de maiores, pero tamén quixeron recoñecer o labor dos traballadores deses centros.


 

Noticias web

13/11/2020