CRTVG

Buscar

Doce locais de hostalaría sancionados no primeiro día de desecalada en Santiago

Publicado o 27/02/2021 16:33

"Creo que imos todos coma tolos estes días por saír e por recuperar". "Un café con amigos senta sempre ben e máis con este soliño" ." Un pouco de liberdade, ver xente que se levaba tempo sen ver", comentan uns mozos sentados nunha terraza.

É o sentir xeral, cansos de estar metidos nas casas, o sol e unha temperatura primaveral contribúen a encher as terrazas, abertas ao 50 por cento dende este venres en Santiago. Dende o Concello amosan preocupación: Nas primeiras horas cos bares abertos, a Policía Local propuxo unha ducia de sancións a establecementos que superaban a ocupación permitida e outras oito por festas en pisos.

"Van ser tramitadas todas as sancións e por suposto a Policía Local ten instrucións de vixiar todos os establecementos e naqueles que haxa datos ou indicios, porque hai unha colaboración cidadá moi grande, que se comprobe". di Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago.
Logo dun mes pechado, o sector colle con ganas á volta ao traballo pero tamén van cansos de lembrar as normas a algúns clientes.

"A verdade é que xa é bastante molesto porque levamos un ano con isto e que haxa que estar lembrándolles a algunhas persoas que poñan a máscara ou que non se pode fumar", comenta un camareiro.
"Eu comprendo que para un hostaleiro é molesto requirir uns clientes que ten, pero ten que pensar cal é a alternativa. A alternativa é que se eles non garanten que os seus clientes respecten a normativa, ou sancionar o establecemento ou pechar a hostalería", asegura o alcalde.

 

Noticias web

27/02/2021