CRTVG

Buscar

Dobre desaloxo dunha parella de maiores en Melide por un incendio reactivado

Publicado o 26/06/2020 14:03

Os rescaldos dun incendio acontecido esta noite en Melide orixinaron pola mañá outro lume nunha vivenda contigua con dúas persoas maiores dentro. Saíron da casa ilesas. A parella fora desaloxada horas antes e tamén outros dous veciños polo incendio noutra casa deshabitada.

O aviso de que había un incendio no Cantón de San Roque, en Melide, chegaba ao 112 contra as dúas desta mañá. Ardía a casa número 34, unha construción de baixo e planta alta con estrutura de madeira, entre dous inmobles e deshabitada.

"Ao chegar aquí xa vimos que saían moitas lapas polo tellado e había moito lume. Canda os compañeiros do parque comarcal de bombeiros de Arzúa, traballamos na extinción. Rematamos sobre as cinco e media da mañá", di Juan Carlos Curros, xefe de voluntarios de Protección Civil de Melide.

Dúas horas despois de que volveran para a base os bombeiros, outra chamada ao 112 alertaba de lume na casa do lado, a 32. Habitada por un matrimonio de idade avanzada.

Os dous saíron da casa polo seu pé e mesmo seguiron de preto os traballos de extinción. Era o segundo desaloxo da vivenda en seis horas, despois do incendio da madrugada.

Curros explica: "Procedemos a desaloxar os veciños que estaban. Estiveron un par de horas fóra e logo xa volveron aos seus domicilios tras comprobar que non corrían perigo".

Engade que o desaloxo afectou en total catro persoas, e referíase ao estrés que sufriu o matrimonio afectado pola reactivación do lume na súa casa: "Si, a verdade é que é xente maior e están asustados. Xa de madrugada, ao chamalos, asustáronse, e hoxe pola mañá aínda máis, claro, ao ver que a casa deles estaba afectada tamén".

O incendio inicial ocasionou unha carga grande de calor e transmitiuse pola parede compartida á casa contingua. Despois de que se dera por extinguido, o rescaldo reactivouse axudado polo material combustible apoiado na parede da vivenda.

Noticias web

26/06/2020