CRTVG

Buscar

Disturbios en Wisconsin tras os disparos da policía contra un afroamericano polas costas

Publicado o 24/08/2020 18:44

A cidade de Kenosha viviu ata a madrugada do luns fortes disturbios despois de que axentes da Policía dispararan a un afroamericano por detrás, un incidente captado en vídeo e que desatou unha onda de indignación. O individuo, identificado como Jacob Blake, atópase no hospital Froedtert de Milwaukee en estado grave, informaron este luns as autoridades locais.

O incidente prodúcese despois das multitudinarias protestas pola morte o 25 de maio en Mineápolis (Minesota) do afroamericano George Floyd, que foi asfixiado por un policía branco. En Kenosha, unha multitude congregouse o domingo á noitiña no sitio onde, segundo mostra o vídeo, a Policía Local disparou varias veces e a moi curta distancia nas costas de Blake.

Segundo a estación local WISN, da canle FOX, o home tiroteado "estaba a ser arrestado por un incidente de violencia doméstica e, por algunha razón, varios axentes trataron de someter o sospeitoso". En resposta ás imaxes, arredor das 10 da noite hora local, os manifestantes marcharon cara ao Edificio de Seguridade Pública de Kenosha coreando "Sen xustiza, non hai paz".

Unha hora máis tarde, un camión municipal de recolección de lixos, colocado para impedir o paso cara á xefatura de policía, quedou envolto en lapas mentres a Policía disparaba granadas de gas lacrimóxeno. Algúns manifestantes tamén romperon os cristais dalgúns comercios e queimaron vehículos que estaban estacionados na rúa.

As autoridades locais declararon o estado de emerxencia e impuxeron un toque de queda, que comezou a medianoite e se prolongou ata as sete da mañá deste luns. Ademais, o condado de Kenosha informou hoxe que o Edificio de Seguridade Pública e os tribunais da urbe permanecerán pechados debido aos danos rexistrados durante as protestas.

Noticias web

24/08/2020