CRTVG

Buscar

Disturbios en varias cidades dos EUA en protesta pola morte de George Floyd

Publicado o 31/05/2020 11:18

Estados Unidos vese desbordado para conter os disturbios e as protestas fronte ás accións policiais contra os afroamericanos, que se estenden por todo o país sen que o presidente Donald Trump abandone o ton desafiante ante os manifestantes, malia que anunciou a apertura dunha investigación para determinar se se violaron os dereitos civís de Floyd, morto por asfixia baixo a presión que lle exerceu no seu pescozo un axente policial co seu xeonllo.

Unha trintena de cidades, entre elas Nova York, Os Ánxeles, Chicago, Cleveland, Miami, Dallas e incluso Washington D. C. foron escenario de disturbios violentos. En Indianápolis rexistrouse un morto e outras dúas persoas resultaron feridas por disparos.

En Nova York, un coche patrulla bateu contra os manifestantes que o retiñan contra un valado e a Garda Nacional saíu en varios estados e cidades en apoio das policías locais, que ven os seus coches incendiados, as estradas bloqueadas e os escaparates das cidades rachados polos manifestantes.
Nos Ánxeles decretouse o toque de queda e rexistráronse máis de 500 detencións nas protestas nocturnas e en Washington as manifestacións chegaron ás portas da Casa Branca.
 

Noticias web

31/05/2020