CRTVG

Buscar

Dispárase a demanda de traballadores titulados para cubrir as vacantes nos mandos dos buques de altura

Publicado o 04/09/2020 13:03

Só neste porto de Burela existen un cento de postos de traballo dispoñibles nos buques de altura. A falta de remuda xeracional, son os traballadores titulados necesarios para cubrir as vacantes nas pontes de mando e mais nas máquinas.

Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo: "Sen un titulado, o barco non pode saír. Iso significa parar unha actividade, ingresos cero, e o resto da xente vinculada ao barco tamén sen actividade".

Miguel Rúa, armador: "Hai que ir para o mar todos os días. E en canto ao soldo, tanto podes vir con 500 euros unha quincena como podes vir con 1.000 ou como podes vir sen nada".

O sector leva anos arrastrando este problema, que se foi agravando debido á xubilación dos traballadores titulados. Para cubrir os postos vacantes, as armadoras depositan as súas expectativas na Formación Profesional dual, que permite compaxinar os estudos con prácticas remuneradas nos barcos.

Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo: "Temos convenios con escolas náuticas para facer a formación en centros de traballo e temos convenios para facer formación dual. Con isto preténdese facer máis atractiva a formación e incluso acurtar os períodos".

No conxunto de Galicia, os grupos de acción local pesqueira buscan candidatos para vivir do mar en medio cento de concellos.

Noticias web

04/09/2020