CRTVG

Buscar

Dispáranse as vendas de fariña e lévedo para a repostería caseira

Publicado o 08/04/2020 20:48

A fariña, a masa fermentada e mailo lévedo convertéronse nalgúns dos produtos estrela nestes tempos de confinamento. Nas panaderías e nos supermercados disparáronse as súas vendas, co fin de preparar o pan na casa ou practicar a repostería caseira.

Antía Fernández, panadeira: "A xente tiña medo de quedar sen provisións e incluso houbo quen comprou tres ou catro sacos de 25 quilos de fariña. Despois baixou e agora que a xente vai empezar a facer doces para a Semana Santa estase a vender moita máis fariña e tamén lévedo".

"Facemos na casa pizza e pan. No supermercado a fariña estaba esgotada e collémola na panadería", sinala un cliente.

Así e todo, o produto caseiro non é comparable ao elaborado nunha panadería artesá. Cómpre ter en conta que unhas fariñas industriais e uns tempos reducidos de fermentación e de cocción poden facer que o pan resulte indixesto.

Antía Fernández, panadeira: "Nós recomendamos que veñan ás panaderías comprar as fariñas, porque adoitan ser de moita mellor calidade que as que venden nos supermercados, xa que non levan aditivos e móense en muíños de pedra. Por outra parte, é moi importante que respecten os tempos de fermentación e de cocción, xa que na casa se tende a facer todo máis rápido".

Esta panadería de Sarria, que estes días entrega os roscóns de pascua a domicilio, exhibe no seu escaparate máis de medio cento de mensaxes de ánimo e de agradecemento, a maioría realizados por rapaces da vila.

Noticias web

08/04/2020