CRTVG

Buscar

Golpe ao turismo e discrepancias entre España e o Reino Unido por mor da corentena

Publicado o 26/07/2020 21:21

Case con nocturnidade e aleivosía, o sector turístico español recibía a nova da corentena de 14 días imposta polo Reino Unido. De media, dezaoito millóns de británicos viaxan a España cada ano, e este atranco abre unha negra perspectiva.

"Debemos ser capaces de adoptar medidas rápidas e decisivas, tendo en conta a situación local de España", sinalaba esta mañá a Sky News o ministro británico de Exteriores, Dominic Raab, quen engadiu que nestes momentos o territorio español non é garantía de seguridade

Pouco despois destas declaracións, o macrooperador Tui, o máis grande do Reino Unido e Irlanda, cancelaba as viaxes á España peninsular ata o 9 de agosto, pero non ás Canarias e Baleares. A esperanza de que o turismo exterior puidese arranxar unha tempada extremadamente difícil para o sector esvaecíase, e a ministra española de Exteriores contraatacaba: "España é un país seguro para o turismo. Coma outros países europeos, España ten rebrotes. Isto non é inusual. O máis importante é que España está facendo un grande esforzo para controlar estes rebrotes", sinalaba Arancha González Laya. 

A ministra sinala que o primeiro obxectivo é conseguir que as illas Canarias e as Baleares queden excluídas da corentena. A razón aducida é que son "territorios insulares moi controlados" desde o punto de vista epidemiolóxico. O goberno canario apúntase á proposta e di que a corentena, no seu caso, é absurda. "Non ten sentido que teñan que facer esa corentena. Nas Canarias hai nestes momentos 5,8 positivos por cada cen mil habitantes. Temos menos positivos ca a maioría de países de Europa, temos menos positivos ca o Reino Unido", declaraba o presidente das Canarias, Ángel Luis Torres.

O premier británico Boris Johnson enfróntase a unha longa lista de críticas. Os laboristas lembran que está a xerar un caos que afecta millóns de viaxeiros británicos. En Downing Street responden que a seguridade dos cidadáns é a prioridade absoluta.

Noticias web

26/07/2020