CRTVG

Buscar

Detidos os ladróns que roubaron a mesma farmacia de Vigo en 48 horas

Publicado o 08/04/2020 21:01

Cun coitelo e a cara tapada, así se presentou o último ladrón que pasou por unha farmacia da parroquia viguesa de Cabral que xa fora asaltada noutra ocasión esta mesma semana. Desta volta, era a primeira hora da mañá e as dependentas entregáronlle 300 euros da caixa cos que saíu correndo do establecemento.

A descrición que achegaron as testemuñas do roubo levou aos axentes da Policía Nacional a identificar ao presunto autor, un vello coñecido das bases de datos policiais, onde figuran once arrestos anteriores. E deron con el, poucas horas despois, e non moi lonxe do lugar dos feitos. O home, un vigués de 35 anos, logrou liberarse do axente que o interceptou e, na persecución, acabou tirándose por unha ponte a máis de tres metros de altura. O golpe co chan provocoulle fractura de mandíbula e a perda de varias pezas dentais, polo que foi trasladado ao hospital.

E en Pontevedra, unha patrulla da Policía Nacional detivo un home na contorna da céntrica praza de Galicia por unha suposta agresión e roubo a outro individuo. Nese mesmo día, o detido, un pontevedrés de 43 anos, xa fora identificado tres veces por senllos furtos leves nunha farmacia e nun supermercado e tamén por un altercado cunha muller.

Noticias web

08/04/2020