CRTVG

Buscar

Detido un mozo de Bueu por intentar atropelar dous axentes nun control contra o tráfico de drogas

Publicado o 24/02/2020 14:17

A Policía Local de Bueu detivo un mozo de 25 anos por tentar atropelar dous axentes que lle deron o alto nun control rutineiro contra o tráfico de drogas. Os policías tiveron que botarse a un lado para non ser atropelados e sufriron feridas.

O mozo, que deu positivo en drogas, foi detido pouco despois e levaba consigo cocaína e marihuana para a súa posible venda.

Os dous axentes que realizaban este control rutineiro en plena rúa non agardaban a reacción deste novo condutor de Bueu cando lle deron o alto. En lugar de parar, acelerou, obrigando os policías a tirarse a un lado para non seren atropelados.

O condutor foi detido a poucos metros do lugar. De feito, minutos antes de ser detido tentou desfacerse da droga que levaba consigo.

O detido é un mozo de 25 anos veciño de Bueu que xa fora identificado noutras ocasións por tenza ilícita de substancias estupefacientes.

Os axentes sospeitan que a droga podería ser para a súa venda a pequena escala. O mozo, que quedou en liberdade coa obriga de comparecer nos xulgados de Marín, exponse a unha sanción administrativa pola posesión de substancias estupefacientes e podería ser acusado dun delito de atentado á autoridade.

Noticias web

24/02/2020