CRTVG

Buscar

Detido un condutor tras fuxir sen carné, con orde de busca e violando o estado de alarma

Publicado o 25/03/2020 10:45

A Garda Civil detivo un individuo en Baiona, buscado pola Xustiza e sen permiso de conducir, que saltou un control na autoestrada.

Tanto o condutor como o seu acompañante foron denunciados por infrinxir a prohibición de circular agás en casos imprescindibles decretada no estado de alarma.

Os feitos rexistráronse o día 22 na autoestrada AG-57. Unha patrulla de Tráfico detectou a presenza de dous homes nun turismo. Ao darlles o alto, estes iniciaron unha fuga a gran velocidade ata a primeira saída da autoestrada, onde mesmo colisionaron levemente co vehículo doutra patrulla da Garda Civil que trataba de detelos. Mesmo así, continuaron a fuxida e incorporáronse de novo á AG-57, nesta ocasión en sentido Baiona. Tras varios quilómetros de condución "manifestamente temeraria", segundo o parte da Garda Civil, de omisión das ordes dos axentes e "mesmo de intentos de arremetida contra as súas motocicletas", o vehículo chocou contra os elementos de sinalización e protección da peaxe de Sabarís. Alí mesmo, tras saíren ilesos, foron detidos e comprobouse que o condutor tiña unha orde de busca e captura.

Tanto o condutor, un mozo de 23 anos veciño da Ramallosa, como o seu acompañante foron denunciados por infrinxir as restricións impostas no estado de alarma para circular. Ademais, o condutor non tiña carné de conducir, o vehículo estaba sen seguro e non pasara a inspección técnica.