CRTVG

Buscar

Detido por facer denuncias falsas sobre a violación do estado de alarma

Publicado o 17/04/2020 11:05

A Garda Civil detivo o propietario dun locutorio na localidade mallorquina de S'Arenal por realizar denuncias falsas contra outros establecementos co fin de coaccionalos e poder monopolizar el o negocio.

A investigación comezou cando o dono doutro locutorio se presentou nas dependencias da Garda Civil para pedir explicacións por unha denuncia que lle deixaran debaixo da porta. Supostamente, era por abrir o local ao público e vulnerar o estado de alarma. Foi entón cando os axentes comprobaron que o documento era unha falsificación.

As indagacións levárono ata o dono doutro locutorio, e alí atoparon denuncias e notificacións oficiais que o suposto autor dos feitos utilizou para recortar sinaturas e selos e confeccionar así as falsificacións.

O individuo pretendía, deste xeito, coaccionar os competidores para que pechasen e quedar o seu como único locutorio aberto na zona.