Detido o Fitipaldi de Rubiás por apuñalar dous homes en Lugo
Dous homes quedaron feridos, un deles de gravidade, nunha liorta que se produciu ás portas dun pub no barrio lugués da Piringalla. Segundo as testemuñas, os implicados chegaron a lanzarse cadeiras e un deles sacou un estilete de 19 centímetros de lonxitude, co que apuñalou as dúas vítimas. A máis grave, que tiña perforado un pulmón, tivo que ser trasladada nunha ambulancia ao hospital Lucus Augusti.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "Parece ser que se montou unha liorta, non se sabe exactamente por que, e un deles despois de ser agredido saíu fóra e puido chamar as patrullas que estaban traballando. Presentadas alí, déronse de conta de que xa se producira unha segunda agresión, aínda máis grave, posto que lle perforaron un pulmón a esta segunda persoa. Primeiro déuselles asistencia médica aos presentes e, unha vez se indagou de onde xurdira o conflito e quen asestara esas coiteladas, pois foi detido".
O home detido resultou ser Marcos Fernández Pena, coñecido como o Fitipaldi de Rubiás, que conta cun amplo historial delituoso. Ademais, os axentes detiveron un segundo presunto agresor, que está pendente de pasar a disposición da xustiza.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "É unha persoa moi coñecida. Levaba bastante tempo en prisión. Na comisaría fíxose o correspondente atestado e pasou a disposición xudicial. Froito desa investigación, hai un segundo detido. Unha das persoas implicadas tamén está detida nestes momentos, nos calabozos. Tamén se lle vai tomar declaración e pasará a disposición xudicial nas próximas horas".
O coñecido delincuente lugués, de 43 anos de idade, xa leva cumpridos máis de dez anos de cadea por diferentes feitos. A súa última condena produciuse en 2012, cando o Tribunal Supremo lle impuxo dez anos e nove meses de prisión por acoitelar un mozo, atacar unha enfermeira e intentar dispararlle a un policía para fuxir do antigo Hospital Xeral.