CRTVG

Buscar

Detido un empresario de Santiago polo roubo de dous millóns de máscaras

Publicado o 06/04/2020 09:42

• O material sanitario foi subtraído dunha nave do Polígono do Tambre

• A investigación apunta a que todo o roubado foi vendido en Portugal

As máscaras roubadas son as FFP2

Ocorreu en febreiro, nesta nave do compostelán polígono do Tambre. A alarma do coronavirus comezaba a estenderse polo mundo e todo apunta a que os ladróns pretenderon tirar proveito da crise. De feito, de entre todo o material sanitario que aquí estaba almacenado, os cacos elixiron o material máis demandado do momento, sobre todo eses dous millóns de máscaras de protección. As pescudas conduciron a un empresario compostelán que, presuntamente, lle vendeu o material a unha empresa portuguesa. O valor do roubado ascende a uns cinco millóns de euros.

A investigación partiu dun sopro: alguén lle contou á policía que nunha nave de Santiago, propiedade dunha empresa en concurso de acredores, se almacenaba gran cantidade de material sanitario.

Antonio Fernández Criado, inspector da Policía Autonómica, conta que “cando accedimos ao local co permiso do administrador concursal atopámonos con que houbera un roubo aquí dentro”.

No interior da nave, os investigadores atoparon ducias de caixas baleiras. Os ladróns deixáronas para borrar a orixe dos dous millóns de máscaras que contiñan. Todo apunta a un intento de lucrarse á custa da crise do coronavirus.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, asegura que “aquí se entrou cun ánimo claro, durante o mes de febreiro, cando xa había unha alerta sanitaria e e cando se sabía que este material era moi valioso e moi necesario, levárono todo. Deixaron outro material sanitario que non ten a demanda que teñen actualmente máscaras e luvas durante a pandemia e todo isto levárono”

A investigación conduciu á detención dun empresario compostelán como presunto cerebro do roubo, presumiblemente executado por cidadáns portugueses.
Todo apunta a que unha empresa do país veciño foi a destinataria do material subtraído, valorado nuns cinco millóns de euros.
 

 

 

Máis sobre Santiago de Compostela