CRTVG

Buscar

Detido en Redondela por intentar atropelar á mantenta un veciño tras unha discusión

Publicado o 04/06/2019 12:23

A Policía Nacional detivo un mozo de 27 anos como responsable dunha tentativa de homicido en Redondela. Un veciño recriminoulle ao condutor do vehículo que fixera trompos e que tivera a música moi alta. Discutiron entre eles e o mozo atropelou a vítima. Os axentes localizárono no interior dunha vivenda. O detido tiña xa sete antecedentes policiais.

Foi a Policía Local a que recibiu un aviso de que había unha pelexa entre dúas familias. Un mozo mantivera unha forte discusión cun veciño tras recriminarlle este que fixera trompos co seu coche e tivera o volume da radio moi alta.

Foi cando o rapaz, de 27 anos, arrincou e saíu a toda velocidade cara ao home e atropelouno. Volveu de novo a polo ferido, que era socorrido por un familiar e conseguiron afastarse antes de que o condutor os alcanzase. Os axentes presentáronse no lugar e solicitaron o apoio da Policía Nacional, que viña dende Vigo. Mentres seguían o condutor, que mesmo bateu con outro coche estacionado, viron como se dirixía ata a avenida Mendiño, onde baixou para meterse nun edifico próximo. A policía conseguiu acceder ao interior do inmoble e atopárono oculto nun moble. Detivérono e levárono a dependencias policias.

A vítima xa fora trasladada polo persoal sanitario ao hospital onde foi antendido das feridas que presentaba. O mozo, de 27 anos, contaba xa con sete antecedentes policiais anteriores e xa pasou a disposición xudicial.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí