CRTVG

Buscar

Detido en Pontecesures por conducir drogado a 129 quilómetros por hora nun tramo de 50

Publicado o 29/04/2020 11:16

• Sorprenden un condutor drogado na Illa tras chocar cun colector do lixo

• En Nigrán interceptan un home bébedo ao volante cos fillos a bordo

Detido en Pontecesures por conducir drogado a 129 quilómetros por hora nun tramo de 50

O vehículo chocou contra un colector do lixo na Illa

A Garda Civil interceptou a pasada fin de semana en Pontecesures un vehículo que circulaba a 129 km/h nun tramo limitado a 50.

Os feitos rexistráronse sobre as catro e media da tarde do venres nun dispositivo de control da velocidade moi preto da entrada no casco urbano de Pontecesures. Foi entón cando os axentes detectaron este vehículo, conducido por un veciño de Ribeira que, ademais, vulneraba as restricións de mobilidade impostas durante o estado de alarma.

A velocidade a que circulaba "nun punto especialmente perigoso para a seguridade vial" impediu que o parasen no punto de control, pero pouco despois o vehículo foi interceptado no casco urbano de Pontecesures. O infractor, que dixo que ía visitar a súa moza, deu positivo no test de drogas. Enfróntase a multa de 1.600 euros, á retirada de seis puntos no carné e a unha denuncia por quebrantar o confinamento.

Drogado e bébedo na Illa

A Garda Civil sorprendeu un home conducindo ebrio e drogado na Illa de Arousa que, tras vulnerar o confinamento, arremeteu contra un colector do lixo. El mesmo, cando foi interceptado, confesou que viña de consumir drogas e alcol. 

A proba de acolemia deu un resultado de 0,87 mg/l, cando máis do triple do máximo permitido. Tamén deu positivo o test de drogas, polo que o condutor podería ser condenado a unha pena de entre tres e seis meses de cárcere por un delicto contra a seguridade viaria. Tamén poderían retirarse o carné de conducir por un período de entre un e catro anos.

Verificouse ademais que o vehículo implicado non tiña subscrito seguro obrigatorio, o que leva aparellada unha sanción de 1.500 euros.

Bébedo cos fillos a bordo

Non foi o único caso de infraccións ao volante nestas últimas datas. En Nigrán, a Garda Civil detivo un home de 37 anos que conducía baixo os efectos do alcol cos seus dous fillos menores a bordo.

A proba de alcolemia deu como resultado unha taxa de 0,51 miligramos por litro, xusto o dobre da máxima permitida. O vehículo foi inmobilizado e os menores foron entregados á súa nai.