CRTVG

Buscar

Detido en Lugo por vender droga preto dun colexio

Publicado o 30/01/2020 20:25

A Policía Nacional detivo un home en Lugo que, presuntamente, se dedicaba a vender droga preto dunha zona escolar. No rexistro do seu domicilio, os axentes atoparon máis de 200 doses de haxix e de marihuana e diversos útiles para empaquetar as substancias estupefacientes.

A operación desenvolvida pola Policía Nacional de Lugo desartellou un punto de venda de droga no barrio da Piringalla, preto dunha zona escolar. Detiveron un home de 33 anos que, presuntamente, se dedicaba a vender haxix e marihuana. Foi apresado tras unha investigación policial alertados polas denuncias veciñais.

Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional di que puideron comprobar que si, que efectivamente se estaba producindo un movemento continuo de xente que entraba e mesmo, ao saír do contacto con esa persoa, intervírolle en varias ocasións diferentes cantidades de substancias estupefacientes, "tanto de marihuana coma de haxix", engade.

No rexistro do domicilio do detido, a policía atopou duascentas trinta doses de marihuana e de haxix, diñeiro en metálico procedente da venda da droga, unha pistola eléctrica e diversos utensilios para cortar e empaquetar as substancias estupefacientes. O home ten antecedentes penais por feitos semellantes.

Noticias web

30/01/2020